Opinión

Confinar sen axudas

[María Obelleiro]

E a culpa de quen é? Semella doado pór o foco na cidadanía ou noutras Administracións en lugar de asumir cando menos parte da responsabilidade da terceira vaga da Covid-19, que nas próximas semanas baterá con toda a súa crueza cun incremento das hospitalizacións e de falecementos. Todo por “salvar” o Nadal, malia as múltiples voces que, desde o ámbito sanitario, advertían do que agora está a chegar. Houbo tempo suficiente para preparar un paquete de medidas económicas destinadas aos sectores máis afectados polas restricións, aqueles que se ven na obriga de baixar a persiana e os que sofren unha redución significativa dos seus ingresos. Porén, non chega indemnización ningunha. De momento, os acenos do Goberno galego non fan presaxiar medidas que contribúan a reducir o impacto das limitacións que entran mañá en vigor. A hostalaría, e todo o que a acompaña, é unha das máis prexudicadas, mais en lugar de sentar con representantes de todas as asociacións, os conselleiros só se reuniron cos seus elixidos. Falta talante. Responsabilidade. Tamén humildade.

Comentarios