Opinión

Coñecer(Nos)

[María Obelleiro]

Tras dedicar os dous primeiros meses do ano á publicación sobre os tímpanos medievais e de continuar en marzo coa da prensa en galego do século XIX, en abril coa das hortas e en maio coa das obras imprescindíbeis da literatura, chega a quenda dun dos elementos identitarios que máis interese espertan e que nos definen como nación: os castros. Da man de persoas expertas e estudosas en arqueoloxía, achegaremos ao longo deste mes de xuño as entregas dun coleccionábel sobre unha cultura, a castrexa, que, en palabras do coordinador, Felipe-Senén López, pon “as orixes e a orixinalidade da Galiza”.

É este un esforzo por recuperar a nosa historia da man de especialistas, desde unha óptica científica, para todos os públicos. Entendemos que divulgar o pasado é unha tarefa necesaria nun contexto marcado pola obsesiva inmediatez. Para saber onde estamos e cara a onde queremos ir, resulta imprescindíbel saber de onde vimos. Nesa loita contra a desmemoria e o descoñecemento é onde xorde o presente coleccionábel, que contribúe a coñecer(Nos) mellor.

Comentarios