Opinión

Concellos que fan país

[Alberte Mera]

Xornal de intereses galegos. Eis o lema que define Nós Diario, e cumprindo esa premisa é como este medio de comunicación informará das eleccións municipais do 28 de maio, é dicir, cunha óptica dun país rico, plural e diverso, conformado por comarcas e concellos nos que as electoras e os electores poderán votar e trazar o futuro da Galiza.

Este xornal achegará información, debates, datos para comprender o país que habitamos e análises sobre os retos de futuro que os vindeiros Gobernos municipais van ter que atender con urxencia. Hoxe estreamos a cobertura especial das municipais, cunha sección que ao longo de varias páxinas trasladará a actualidade referente ás formacións políticas, así como informacións sobre as problemáticas sociais que atravesan os municipios con temas chave a través dos que este xornal analiza e contrapón as distintas propostas que realizan as distintas candidaturas para que vostede teña os datos e elabore as súas conclusións.

Desde hoxe e até o sábado 27 de maio este xornal realizará unha radiografía da realidade socioeconómica de cada comarca e das necesidades de cada unha delas que han de atender os novos Gobernos locais. Tamén se publicarán entrevistas a alcaldábeis no dixital así como debates de actualidade sobre cuestións que afectan en primeira persoa o electorado. Todo preparado en Nós Diario para que vostede teña todas as chaves. Comezamos. 

Comentarios