Opinión

Con toda a calma

[Alberte Mera]

Tres anos após decretarse o estado de alarma por mor da pandemia da Covid, Renfe, con toda a calma, vai repor algunhas das liñas ferroviarias que foran daquela suspendidas. 28 de marzo será a data de posta en marcha de varias frecuencias.

A pesar das críticas de usuarias e usuarios e asociacións desde o desconfinamento pola falta de frecuencias, horarios de trens con saída e chegada a núcleos de emprego que non atenden nin o máis mínimo ás horas habituais de entrada e saída das xornadas laborais maioritarias, aínda non é o día en que Renfe repuxo todas as frecuencias suprimidas. E tampouco é o día en que Renfe se comprometa a unir cun servizo ferroviario asumíbel en tempos humanos zonas neurálxicas da Galiza como Lugo-Santiago, e todo pese á chegada -con 30 anos de atraso- do AVE á Galiza que fai que sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela.

En Madrid fan ouvidos xordos a estas reclamacións da Galiza, co poder que outorga ter unha operadora como Renfe centralizada. E mentres, a Galiza continúa sen contar cun ferrocarril de proximidade, algo que cando se conta en Catalunya, Madrid ou Euskadi botan as mans á cabeza, moito máis grave ao ter en conta a maior dispersión poboacional da Galiza. E no medio, a transición enerxética. Que transición será esa que non se fai sobre a base de priorizar un transporte colectivo e sostíbel como o tren?

Comentarios