Opinión

Os compañeiros de Feixoo

[María Obelleiro]

Primeiro manifestouse naquela lembrada manifestación na madrileña praza de Colón, en Madrid, acompañado por Vox, o mesmo día en que na Galiza milleiros de persoas protestaban contra os recortes do seu Goberno en materia de sanidade. Despois, abriu a porta á entrada do ultraespañolismo no Goberno dunha comunidade autónoma, Castela e León. E agora, co seu discurso, favorece que o fascismo se mobilice nas proximidades do Congreso. A última promesa de Feixoo é marcadamente antidemocrática: a derrogación da Lei de memoria aprobada no día de onte. Unha reivindicación que comparte con aqueles que cada 20 de novembro enxalzan a Franco.

A Feixoo sóbralle unha lei que supón un avance mais que aínda queda curta, como advirte o movemento da memoria. É esta unha oportunidade perdida para pór fin á impunidade do franquismo, pois non se derrogan aqueles preceptos da Lei de amnistía que impiden a reparación das vítimas e a investigación dos crimes. Non contempla medidas para reparar aquelas persoas que sufriron represión económica nin instrumentos para facer cumprir a lexislación na materia. Tamén se perdeu a oportunidade de facer do Pazo de Meirás un lugar da memoria. Mágoa que o Goberno estatal desoíse as reivindicacións do movemento memorialista galego.

Comentarios