Opinión

Como fede!

[María Obelleiro]

Quen crecemos próximas e próximos a Pontevedra sabemos o que fede Ence, tamén quen atravesamos a AP-9 á altura de Lourizán. Medramos con ese cheiro nauseabundo, sobre todo, cando viña o mal tempo. E todas e todos -non fai falta que vivamos perto de Pontevedra- tamén sabemos canto fede (e canto pesa) a Xustiza española. Xa nolo advertira Castelao naquela xenial ilustración na que deixaba escrito: "Canto pesa e como fede", unha máxima á que lle engadiría: "A pasta manda".

Non hai que ser experta en Dereito para decatarse do inxusto da decisión e da fraude que representa a prórroga da concesión. O proceso de privatización concluíu en 2001, ano en que Ence foi vendida por 230 millóns a Caixa Galicia, Banco Zaragozano e Bankinter. Eses 230 millóns son o valor da empresa calculado até 2018, non até 2023 nin até 2073. Estamos ante un gran negocio para os poderosos: usas de balde terreos públicos, pagas só polo valor da empresa entre 2001 e 2018, aforras millóns de euros ao ano no canon da auga e, para máis, a contaminación sáeche de balde. E, se es membro do Consello de Administración, como aconteceu con importantes cargos públicos do PP, xa non vos conto!

Mentres, a inmensa maioría da poboación facendo números para chegar (con sorte e moito esforzo) a fin de mes, soportando (até cando?) o cheiro e a contaminación.

Comentarios