Opinión

Como che doe?

[María Obelleiro]

A Atención Primaria é unha das vítimas colaterais da Covid-19. Xa antes da declaración da pandemia precisaba de coidados intensivos debido aos recortes que sufriu nos últimos anos, mais o impulso da “telemedicina” agravou a situación. Ninguén dubida da utilidade das citas médicas a distancia en función do contexto, mais facer da videoconsulta o centro da atención non semella o máis acaído para garantir unha sanidade pública de calidade.

Sanidade emprazou as Xerencias das áreas, a garantir un 40% de telemedicina cando conclúa este ano. Unha declaración de intencións que se completa coa aplicación que vén de presentar a Xunta da Galiza para consultar a través de videoconferencias. Imaxinen, “Como é a dor?” / “Depende” / “Prema na parte dereita do seu abdome” / “É no outro lado” / “Non se guíe pola pantalla”... e os problemas de conexión no rural ou a falta de alfabetización dixital. A día de hoxe seguen a atenderse por teléfono -cando hai cita- casos que deberían consultarse de maneira presencial. Escoiten as persoas profesionais da medicina e as pacientes.

Comentarios