Opinión

Comedores escolares: un negocio de 6,8 millóns de euros

Máis do 30 por cento dos comedores escolares galegos están neste momento externalizados

Máis do 30 por cento dos comedores escolares galegos están neste momento externalizados, isto é, foron privatizados pola Consellaría de Educación. O volume de negocio, de acordo cos dados que achega o Tema da Semana do Sermos Galiza número 172, chega aos 6,8 millóns de euros. É un negocio, alén do máis, en expansión: desde 2008, o número de centros co comedor escolar xestionado por unha empresa privada multiplicouse por dous.

A privatización de servizos públicos asociados á educación e á sanidade é un sinal de identidade das políticas neoliberais. A súa aplicación na Galiza é plenamente congruente coa ideoloxía do partido no goberno e mesmo ten sido teorizada polo presidente da Xunta, cuxa concepción sobre o que é o núcleo central do público é absolutamente restritiva (nun hospital só sería o servizo estritamente médico, unha visión ideolóxica que é na práctica un traxe á medida dos intereses do capital privado).

Ten plena lóxica que a escalada privatizadora se fixese máis agresiva xusto nestes anos de crise. Após o estourido da burbulla inmobiliaria, o capital procura novas áreas de negocio

Ten plena lóxica que a escalada privatizadora se fixese máis agresiva xusto nestes anos de crise. Após o estourido da burbulla inmobiliaria, o capital procura novas áreas de negocio. Se pode ser negocio monopolístico ou pouco aberto á competencia, mellor que mellor. E nese sentido, poucas áreas resultan máis atractivas para a rendabilidade empresarial que os servizos públicos, nomeadamente os fundamentais, o ensino e a sanidade.

A privatización é un mal negocio para a facenda pública porque os servizos son, por pura lóxica, máis caros, ao ter que se imputar na factura o beneficio empresarial (o capital non acode ás externalizacións por filantropía). Mais cando falamos de comedores escolares, o problema non é só de maior ou menor eficiencia económica, senón que atinxe á calidade da alimentación das alumnas e dos alumnos. E aquí os indicios de que as empresas antepoñen a lóxica dos gañancias ao dereito de nenas e nenos a ter acceso a unha boa dieta son abrumadores, tanto que até a Xunta se ten visto obrigada a rescindir contratos con dúas empresas de catering.

A boa noticia é que as nais e os pais están cada día máis vixiantes e son cada día máis exixentes. A demanda de reversión das privatizacións comeza a ser un clamor.

Comentarios