Opinión

Coller a maleta

[María Obelleiro]

Nin a pandemia foi quen de impedir a sangría da emigración. O ano pasado saíron da Galiza 21.001 persoas, a gran maioría en busca dun traballo digno. 7.853 menos que en 2019. Estamos, como advirte o catedrático da USC Isidro Dubert, diante dunha realidade "estrutural" con consecuencias tan dramáticas que mesmo poñen en risco a existencia da base material da Galiza. Trátase dun dos maiores problemas, non só económicos, senón tamén sociais, ao que debemos facer fronte, a comezar por acabar coa precariedade e coa falta de oportunidades que afecta, principalmente, a mocidade.

Falamos, ademais, dun colectivo que se sente no abandono e que voltaría de darse as condicións para o seu retorno. A mellor política demográfica pasa por dar futuro ás persoas. Mentres non se traballe para lograr empregos de calidade, con condicións laborais dignas, e medidas de conciliación e mentres non se adopten medidas de igualdade, será difícil recuperar as galegas e galegos que tiveron que saír para se gañaren a vida.

Comentarios