Opinión

Coherencia

[Xesús M. Piñeiro]

A fuga de Xoán Carlos I pode que sorprenda a moitos e indigne a moitos máis pero non se lle pode negar que é coherente coa traxectoria do rei emérito e dos Borbóns. Coherente, ademais, cunha monarquía que durante estas catro décadas foi protexida, defendida e amparada até case o paroxismo por parte de poder mediático, político e económico por ser precisamente o que é: a chave de bóveda do chamado Réxime do 78.

O rei, emérito mais aínda rei, lisca cando se estreitan sobre el as investigacións da Fiscalía, e desde o Goberno español non atinan nin a saber (ou querer) dicir onde se atopa. Que a prensa internacional fose moito máis contundente nas súas capas e editoriais con ese comportamento do Borbón que a prensa española amosa até que punto hai lealdades e servidumes que se manteñen.

A marcha de Xoán Carlos I, con mariscada de despedida en Sanxenxo incluída como caricatura do seu reinado, permite reflexionar sobre que tipo de democracia existiu nestes corenta anos.  

Marcha Xoán Carlos I e fica Filipe VI, tamén Borbón, tamén rei e tamén designado no posto de ‘sucesor’ polo seu ‘antecesor’. Non se lles pode negar a coherencia.

Comentarios