Opinión

As chaves de Rosalía

[Alberte Mera]

No día en que celebramos o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro son centos as actividades que asociacións, institucións e centros de ensino realizan para reivindicar a escritora seguindo a estela da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que desde 2010 anima a divulgar e celebrar a autora fundacional da literatura galega, regalando un libro en galego cunha flor.

Libros, flores, deseños en murais, láminas ou camisolas, textos nas redes, infinitos contidos creativos para conmemorar a poeta nacional, celebrando, reivindicando e denunciando. Porque o pensamento de Rosalía segue en vicente 186 anos despois do seu nacemento en Compostela -non en Padrón como dixo Núñez Feixoo, quen afirmara en 2014 que o seu libro favorito era Poemas Gallegos referíndose a Cantares Gallegos, aínda agora descobren en Madrid as súas couces á cultura- . 

A denuncia social contra o sistema xudicial patriarcal, os ataques á lingua galega, o maltrato á natureza ou o empobrecemento da Galiza que empurra a mocidade á emigración...

Vixencia de Rosalía en toda ela, como se pode ler hoxe nas páxinas deste xornal: "Máis de 132.000 persoas menores de 29 anos abandonaron Galiza desde o 2009". Lean con atención Rosalía, gobernantes deste país. Nos seus textos verán as chaves para gobernar mellor e centos de políticas que deben emendar. 

Comentarios