Opinión

As chaves da XV Asemblea do BNG

A XV Asemblea Nacional do BNG marca un antes e un despois na traxectoria da fronte nacionalista. O primeiro que hai que remarcar é que a asemblea non foi unha estación término, é un punto de partida. A aposta por profundar en fórmulas que permitan transmitir de forma máis efectiva á opinión pública a súa proposta de país, nun proceso que se deseña demorado e reflexivo, coa maior participación social posíbel, é froito da análise que decorreu no interior da organización nos últimos meses.

O conclave do BNG caracterizouse por dúas notas básicas. A primeira, a alta participación da base militante, quer na fase comarcal quer no plenario nacional do 28 de febreiro. Había gañas de debater e de tomar parte na adopción de decisións que se presentan transcendentais quer para a organización quer para a Galiza. A segunda, o ton construtivo do debate, a ausencia de dramatismo e a naturalidade coa que se comezou a falar absolutamente de todo, sen tabús. Constatouse que as diferenzas -que as hai, como é lóxico nunha organización frontista e democrática- se poden resolver en termos racionais, coa menor dose de demagoxia posíbel.

A Asemblea despexou incógnitas e marcou unha folla de rota a seguir

A Asemblea despexou incógnitas e marcou unha folla de rota a seguir. De Palexco sae un BNG embarcado nunha dinámica de refundación que decorrerá durante todo 2016 -e que desembocará a principios de 2017 nunha nova Asemblea Nacional- e sae tamén un Bloque co compromiso de garantir que nas eleccións galegas deste outono exista unha oferta electoral inequivocamente de “orientación nacionalista”, por empregarmos a terminoloxía do relatorio que obtivo o respaldo maioritario da cita asemblear.

Que cando se vaia votar no outono haxa unha papeleta nacionalista de esquerdas significará que segue viva a idea de Galiza como nación e a defensa dos intereses galegos como principio de actuación nun momento en que está en xogo a forma de organización do país.

Estas foron as chaves da XV Asemblea Nacional do BNG. Poñelas agora en andamento para acomodar a teoría á práctica e que o debatido e o acordado repercutan en beneficio das maiorías sociais da nación galega é responsabilidade da dirección elixida na XV Asemblea. Desexamos que teña éxito na súa execución.

Comentarios