Opinión

Chame vostede mañá!

[María Obelleiro]

Se tivo vostede contacto estreito cunha persoa con Covid-19 pode esperar... e esperar ben cómodo, porque a Xunta da Galiza puxo fin ao rastrexo de casos tal e como se facían até o de agora. De feito, dá por válidos os tests realizados na casa sen necesidade de confirmación posterior con PCR. En lugar de recibir unha chamada, aos contactos estreitos dun caso positivo enviaráselles unha SMS para que enchan un formulario con datos básicos. As probas diagnósticas fican recortadas e só se realizarán ás persoas consideradas integrantes dun grupo vulnerábel (idade, doenzas...).

Este cambio no protocolo, asinado a 30 de decembro e que causou confusión e malestar, foi explicado na mañá desta cuarta feira. Un día despois de saír á luz que Sanidade limita a atención en 14 centros de saúde da área de Vigo a atender a Covid e urxencias, con cancelación de citas programadas. Un recorte que, curiosamente, coincide cos ambulatorios emprazados nos lugares con protesta da veciñanza pola situación de deterioro da sanidade pública. Estas son as receitas do Goberno galego para atallar o problema: fin do rastrexo, menos probas diagnósticas e fechamento de centros de saúde a doenzas que non sexan nin Covid nin urxencias. Os recursos que se pidan aos Reis (magos).

Comentarios