Opinión

Catro anos ao servizo dos intereses galegos

Este que les é o número 200 de Sermos Galiza, un número moi respeitábel e un motivo de lexítimo orgullo para todas e todos os que conformamos a Comunidade Sermos, a redacción deste semanario, a xerencia, os centos de accionistas e colaboradores, os miles de asinantes, as persoas integrantes do consello de administración, todo o tecido asociativo que desde o principio apostou na criación deste meio de comunicación. Somos un proxecto humilde, mais tambén ambicioso e non nos pomos límite. Temos vocación multimedia e, en último termo, seremos o que a Comunidade Sermos queira que sexamos.

Estes 200 números dan testemuño de catro anos de Sermos ao servizo dos intereses galegos, guiados sempre pola conciencia de que o país non estará definitivamente normalizado até o día en que os meios de comunicación hexemónicos falen a nosa lingua e vexan o mundo non cos óculos de Madrid, senón cos lentes da sociedade galega.

200 números en que fomos tecendos fíos de complicidade coa nosa comunidade leitora

200 números en que fomos tecendos fíos de complicidade coa nosa comunidade leitora e en que, modestamente, fomos mellorando continente e contidos, na procura sempre de ofrecer un produto xornalístico digno, de calidade, con vocación de explorar novos territorios e rexistos -eis o noso caderno de análise A Fondo como mascarón de proa- nun momento delicado para a imprensa en papel e coa abordaxe dos problemas e das arelas das galegas e dos galegos como única razón de ser.

Un medio de comunicación é sempre un organismo vivo e só se entende na inter-relación coa sociedade á que serve. Interactuar cada día máis con ela, alargar o leque da Comunidade Sermos, é desde o número 1 o motor que move este proxecto de comunicación. Comprometémonos a continuar a dar o mellor de nós para gañar a confianza de cada día máis leitoras e leitores. Comprometémonos, en fin, a sermos cada día máis Galiza, para irmos entre todas e todos criando o necesario espazo galego de comunicación sen o cal unha sociedade galega digna de tal nome nen sequer é concebíbel.

Comentarios