Opinión

CATAR ou ACATAR?

[Xoán Costa]

Nestes días unha palabra soará centos de veces ao longo do día. Catar. Alí hai un mundial de fútbol, tamén hai algún problema cos dereitos dos traballadores, ou co colectivo LGBT. Non pasa nada, xa o dixo David Beckham, un as á hora de catar o mel dos 10 millóns de libras que recebeu por dicer que Qatar é "a perfección, un lugar incríbel para pasar uns días. Estou ansioso por levar alí os meus fillos".

A FIFA, que investiu moito diñeiro na organización do evento, sabe ben como catar a carteira do Emir Tamim bin Hamad al Thani que prometeu non discriminar ninguén durante o Mundial. Despois xa se verá. E antes xa se viu. As axencias de viaxe non paran de lembrarnos a importancia de catar as normas, de ter consideración e respecto pola cultura e o modo de vida catarí. Obviamente. E non sería bon exixir a quen nos visita ese respecto pola nosa cultura? Claro que a cuestión non é catar. É acatar o poder que representa ser o terceiro país con máis reservas de gas natural do mundo. Se París ben vale unha misa, o gas de Catar ben vale un mundial!

Comentarios