Opinión

Caspa, españolismo e machismo na Toxa

[María Obelleiro]

Esta quinta feira inaugurouse máis unha edición do foro económico máis machista e antigalego, o da Toxa, que non *La Toja. Un encontro onde son eles, os homes, quen saen a foto. As mulleres, se iso, para presentaren as intervencións dos machos alfa do neoliberalismo e para lles daren a benvida ao evento que, curiosamente, é organizado por un grupo empresarial, Hotusa, rescatado con fondos públicos Covid polo Estado. Eles, que tanto demonizan a intervención dos poderes públicos na economía.

E, coincidindo co foro, A Mesa pola Normalización Lingüística volveu protestar polo uso deturpado do topónimo A Toxa. Tantos homes de ben que apelan a cumprir a lei e... eles mesmos son cómplices da vulneración da lexislación lingüística -xa de por si cativa no que respecta á protección e ao impulso do galego-. As máximas autoridades da Galiza, coa súa presenza no evento, lexitiman ese atropelo, mais non sorprende coñecendo o desprezo do PP ao idioma propio da Galiza. Nese contexto enmárcase a saída de ton da vicepresidenta de Igualdade popular, a galega Raquel Touriño, atacando a Ana Pontón por defender o uso do topónimo legal. Non vos riades que o conto é triste, que diría Castelao.

Comentarios