Opinión

Carbón e fabas

[Alberte Mera]

As roscas  de  Reis  chegaron  este  ano  aos  fogares  galegos  ben  cargadas de fabas. E quen as paga? A sociedade galega, que após pasar a pandemia coa atención sanitaria nos centros de saúde restrinxida á vía telefónica ve este Nadal como as súas citas en até 14 ambulatorios da área sanitaria de Vigo están a ser adiadas —por orde da Consellaría de Sanidade— a causa  da  falta  de  persoal  e  do  impacto  da  pandemia  nun  sector  profesional  que acumula, en tan só 15 días, máis de 900 contaxios por Covid, minguando un cadro de persoal xa de por si reducido tras anos e anos de recortes no Servizo Galego de Saúde. Un persoal, que por outra parte, está extenuado despois de  case  dous  anos  coidando  das  nosas  vidas  e  estando  en  primeira  liña  de  combate contra o coronavirus desde os ambulatorios, hospitais, unidades UCI e tantos outros espazos. E mentes, a pandemia non deixa de dar tregua, marcando onte un novo récord na Galiza con case 60.000 persoas contaxiadas.

E como se pagan as fabas? Pois a base de agardar e agardar, soportando doenzas ou, quen poida, deixando os aforros nunha sanidade privada que, un ano máis, recibe do peto das galegas e galegos até 127 millóns de euros a través dos orzamentos da Xunta da Galiza para 2022. Suculento agasallo para este ano novo para quen entende a sanidade como un negocio. Se os Reis Magos pasaron onte por San Caetano de seguro que tiveron a ben deixar unha morea de carbón para quen así trata o persoal sanitario e a cidadanía galega.

Comentarios