Opinión

Canto pesa e como fede

[Xoán Costa]

Se na Galiza lésemos máis Castelao, con certeza teríamos elementos de análise suficientes para entendermos mellor a nova realidade. Se na España lesen algo Castelao saberían de nós. Vén isto a propósito de algo que pasou desapercibido neste tempo de estado de alarma. A exposición, en marzo de 1920, no Circo de Artesáns da Coruña, das estampas do que despois foi o Álbum Nós.  Absolutamente todas as estampas manteñen, cen anos despois, a vixencia e actualidade coa que daquela se expuxeron ao público. Mais hai unha que aponta directamente para estes días, para a LEX do Estado, e para quen aplica esta LEX.

Unha muller porta sobre as costas un cadaleito coa inscrición LEX. Castelao escrebe debaixo: Canto pesa e como fede. Así era o sistema xudicial español á altura de 1920. Así é á altura de 2020. Mostras, as que quixeren mais, para non saírmos do presente, chega con aproximármonos aos informes da Garda Civil sobre o 8M. E á xuíza que “investiga”. Mentres, casos de verdadeira urxencia fican adiados a decembro de 2021. Canto pesa. Como fede.

Comentarios