Opinión

Unha campaña... municipal?

[Alberte Mera]

Comezou -oficialmente- esta noite a campaña das eleccións do 28 de maio, de cuxas urnas sairán os nomes das persoas e as formacións políticas que terán que enfrontar os retos dos 313 concellos da Galiza nun escenario económico incerto e cun cada vez maior papel de subordinación da Galiza, máis relegada cada día a ser produtora de enerxía e á extracción de recursos para os centros de poder, situados estes ben afastados do noso territorio.

Economía, emprego, avanzar en dereitos e atender as necesidades da poboación, non é doado xestionar un Concello pero é certo que, como Administración máis próxima á veciñanza, o poder de influencia da mesma é máis directo. Cando os centros de decisión están máis perto, a capacidade do pobo de ser decisivo é exponencialmente maior.

Por iso, debera ser esta unha campaña electoral cinxida aos concellos galegos e ao país, onde falar de ti a ti á veciñanza, unha campaña centrada nas vidas das galegas e dos galegos.

Mais, botando a ollada ao que foi a precampaña e á experiencia vivida nos últimos anos, todo apunta a que a batalla polo Goberno español entre os partidos de ámbito estatal vai ser o que marque as súas axendas, aspirando a converter as municipais nunha especie de plebiscito e, ademais, nunha sorte de primarias no PP estatal. Esperemos que isto fique nun presentimento e que a campaña xire no que importa: os 313 concellos e a súa veciñanza.

Comentarios