Opinión

A campaña máis españolizada

Nunca unha campaña eleitoral estivo tan marcada polos intereses madrileños-españois como esta. Non é só opinión editorial deste meio, é constatación de voces que, desde o mundo do xornalismo e das ciencias políticas, se teñen alzado estes días e das que Sermos se fixo eco. Estamos no sprint dunha campaña deliberamente enfriada nas rúas por aquelas forzas políticas estatais -o vello bipartidismo e o recambio emerxente da autodefinida como Nova Política- que elixiron como escenario para o combate os platós televisivos madrileños, alí onde non teñen que contender cos nacionalitas e soberanistas cataláns, vascos e galegos.

En realidade, na Galiza vivimos dúas campañas eleitorais nunha. A primeira, a que hoxe máis condiciona e moldea a opinión pública, viviuse nos meios audiovisuais españois, ou os de titularidade pública controlados con man de ferro polo PP ou os de titularidade privada, dominados polo duopolio Antena3-La Sexta e Cuatro-Tele5. A segunda tivo como cenario as rúas, os centros de traballo, os espazos de lecer. Na primeira as mensaxes eran unidireccionais e tiñan como único argumento quen será o novo inquilino da Moncloa. Apenas se falou nela de políticas e si de políticos, dos intereses dos que queren ocupar determinadas maxistraturas do Estado, desde a presidencia do Executiva até a do Congreso. Na segunda campaña si se formularon propostas programáticas e se quixo discutir as distintas alternativas que este pobo ten por diante de si, e que sinteticamente podemos resumir en dúas: ou confiar nas forzas propias ou delegar a representación en organizacións que teñen o seu centro de decisión en Madrid.

As galegas e os galegos non imos votar o 26X quen vai ser o presidente do goberno. Imos elixir os nosos representantes nas Cortes Xerais do Estado

Non é soportábel tal grao de españolización da campaña. Subverte a democracia desde unha lóxica absolutamente alienante. As galegas e os galegos non imos votar o 26X quen vai ser o presidente do goberno. Imos elixir os nosos representantes nas Cortes Xerais do Estado. 23 escanos ao Congreso. 16 ao Senado. Nada máis e nada menos que iso.

A decisión está nas nosas mans: ou votamos por quen nos poda representar desde aquí ou votamos por quen estará sempre condicionado á hora de actuar por Madrid. Esa é a escolla real. Non a de quen vivirá na Moncloa durante os próximos catro anos.

Comentarios