Opinión

Cambio de rumbo?

[Alberte Mera]

Faltan noticias alegres na prensa, dicíanme o outro día varias amizades. Doulles toda a razón, mais os tempos presentes non axudan a botar foguetes. Se antonte coñeciamos que na Galiza estanse a duplicar os tempos de agarda na atención sanitaria para a poboación con cancro en fase máis avanzada, vimos de coñecer indicadores que dan mostra da emerxencia que vivimos: as traballadoras e traballadores públicos galegos perderon 17,49% do seu poder adquisitivo desde 2010, Galiza é o quinto territorio do Estado coa Sanidade máis privatizada (escalou tres postos no ranking privatizador nos últimos tres anos), a produción industrial caeu 10% no mes pasado no país mentres que no Estado subiu máis de 1%, a metade das e dos pensionistas do país cobraron menos de 760 euros e, ademais, 10% de pensionistas tiveron ingresos inferiores aos 500 euros ao mes. E todos estes datos só son os da sexta feira.

A semana que entra haberá investidura no Parlamento. Señor Alfonso Rueda, aproveite o seu novo cargo para mudar de rumbo e ollar a realidade, exercer as compteencias que lle corresponden e gobernar en favor da Galiza e das maiorías sociais. Está en xogo a vida da xente.

Comentarios