mércores 03.06.2020

Cálculos electorais

Agora que Urkullu amosou a intención de ir ás urnas en xullo, o presidente da Xunta escúdase, para non revelar aínda as cartas, en que "nós estamos xestionando esta pandemia", como se as súas frecuentes intervencións na televisión e radio públicas galegas -unha media de tres á semana- non tivesen un evidente ton electoral, como se excluír a oposición da CRTVG non fose unha decisión política e como se o feito de non comparecer máis que unha vez nos dous últimos meses na Deputación Permanente, cun Parlamento amordazado, non respondese a un interese moi medido para non desgastarse polos erros que cometeu na xestión desta crise, comezando pola situación inaceptábel das residencias de maiores.

Di Feixoo que a convocatoria electoral dependerá de dous parámetros: a situación do estado de alarma e a evolución da pandemia. Haille que engadir o definitivo: os cálculos electorais. Chamará ás urnas cando a el lle vaia ben e quere facelo canto antes.

comentarios