Opinión

Caír ao vacío

[Xoán Costa]

Leo un titular de xornal que informa sobre un viaduto da A-6 que "cae ao vacío". Do ponto de vista da física clásica a expresión non é moi afortunada, pois o concepto de baleiro aplícase nun espazo sen ar ou outros fluídos e carente de calquera tipo de materia.

Mais do ponto de vista da consideración que o Estado ten da Galiza á hora de proxectar as infrastruturas, a expresión é ben acaída. Por tras desa planificación non existe outro interese que a expolición rápida dos nosos recursos, sexan pesqueiros, mineiros, agrícolas ou turísticos, mais nunca a necesidade de vertebrar territorio e poboación.

E mentres os viadutos se derruban o debate sobre o cobro de peaxes nas autovías mantense activo e entra nel o presidente de RENFE que apoia o pago por uso para fomentar a utilización do transporte público e reducir, así, a contaminación, cunha proposta de transvasamento de pasaxeiros do transporte por estrada aos camiños de ferro.

Outra proposta sustentada no vacío pois, na Galiza, viaxar de comboio é, hoxe por hoxe, tan imposíbel como viaxar no tempo.

Comentarios