Opinión

Cada vez, menos

[Alberte Mera]

Era o ano 2009, Alberto Núñez Feixoo chegaba á Presidencia da Xunta da Galiza, e o país contaba daquela con 2.796.089 habitantes. A inicio de 2022, porén, eran 2.689.000 as persoas residentes no territorio galego. A poboación reduciuse así 3,82% mentres que no Estado español aumentou 2,04%. A emigración, como causa dun devalo demográfico que semella imparábel se non hai unha mudanza de políticas que permitan á poboación vivir con dignidade e calidade e traballar na propia terra.

Aliás, os datos fornecidos onte polo Instituto de Estatística do Estado amosan unha tendencia semellante en natalidade. Mentres a Galiza leva máis de 30 anos cun saldo vexetativo negativo, morrendo máis habitantes dos que nacen (morren tres persoas por cada crianza nada), no Estado aumenta a taxa de nacementos.

Non é casual que a Galiza perda poboación pola emigración en busca de oportunidades de traballo e de salarios dignos nin tampouco é casual que no país haxa quen, querendo ter crianzas, non vexa posíbel traer ao mundo pequenas e pequenos a quen alimentar e coidar cando a crise económica se ceba con quen menos ten. Un país con futuro precisa de oportunidades para vivir e criar na Galiza.

Comentarios