Opinión

Cada día máis necesario

[Xoán Costa]

Hai cinco anos, fainos hoxe 24 de novembro, o Consello de Administración de Sermos Galiza emitía un comunicado no que se sinalaba a intención de pór en marcha un xornal diario en papel para 2019. Co apoio de máis de tres mil subscricións, e centrados na idea de que é necesario, é posíbel e só depende de nós, o día 2 de xaneiro de 2020 ve a luz Nós Diario, un xornal diario en papel, centrado na Galiza, ao servizo dos interese galegos e editado integramente na nosa lingua. Tratábase de devolver o galego aos quiosques e contribuír a consolidar un espazo galego de comunicación, unha a demanda tan reclamada pola sociedade como deostada pola Administración da Xunta, a de antes e a de agora. Cinco anos despois Nós Diario é máis necesario do que nunca. Todos os informes evidencian a perda de identidade medioambiental, social, cultural e lingüística. Sen medios de comunicación en galego algo seguirá fallando. Por iso cada día é máis necesario Nós Diario. Por iso cada día precisamos máis de ti.

Comentarios