Opinión

De brotes e rebrotes

Ávista da ocultación de datos e da improvisación da Xunta da Galiza a respecto do brote da Mariña non resultaría estraño que os casos positivos por coronavirus fosen máis dos que se transmite de maneira oficial. Onte contábanse por centos (o Sergas non di exactamente cantos) as persoas confinadas, que nin sequera saben se poderán acudir ás urnas para votar o 12 de xullo. A falta de información por parte do Goberno de Feixoo evidencia unha improvisación que non ten xustificación ningunha.

Por que despois de tantos meses non existe un protocolo para atallar casos como este? Demóstrase que a maior preocupación do aínda presidente da Xunta era a convocatoria das eleccións para canto antes, sexa como for, malia o Sergas admitir que se darían rebrotes. A receita do Goberno galego para conter os casos positivos é pór a pelota no tellado dos concellos, que carecen dos recursos necesarios -e máis aínda co incremento de poboación provocada polo turismo-. E lavar as mans. Lavar as mans, Feixoo, sempre.

Comentarios