Opinión

Borrado do mapa

[Alberte Mera]

Desde hai 47 anos a poboación saharauí leva sufrindo a violencia da monarquía marroquí. As e os saharauís teñen sido bombardeados con napalm e fósforo branco, son milleiros as persoas desaparecidas, exiliadas ou que tentan sobrevivir na cadea por defenderen a liberdade do seu pobo. Mais non todos os pobos importan igual nas altas esferas, semella. A semana pasada coñeciamos un novo acordo entre os Gobernos español e marroquí para este último intensificar o control sobre a migración, o tráfico de droga...

Automaticamente, o Ministerio español de Exteriores tomaba cartas no asunto e procedía, no mapamundi que ten pendurado no directorio de Estados do mundo, a borrar a liña divisoria que de conformidade coa ONU debe marcar a fronteira entre o Sahara e Marrocos. Borrar a existencia do Sáhara parece ser, con tal xesto, a intención do ministro José Manuel Albares. Onte ademais, o PSOE saíu ao paso das críticas de todos os grupos no Congreso por abandonar o Sáhara. O portavoz do grupo socialista no Congreso defendeu a "valentía de Sánchez sobre o Sáhara" fronte ás "boas intencións e boas vontades" doutras formacións. Mais non, non é valentía, son negocios e xeoestratexia a custa de dignidade e de vidas humanas.

Comentarios