Opinión

Beneficios exquisitos

Bruxelas fala, Bruxelas manda. E así vai na Galiza. Onte a frota recibiu a noticia de que até 87 caladoiros de pesca de arrastre serán vetados en augas comunitarias do Atlántico Nororiental e, a falta de que se coñeza cantos barcos galegos se verán afectados, sóubose que a medida afectará o Gran Sol, fonte de traballo durante longos anos do pobo mariñeiro galego. Por outra parte, a ministra española de Facenda, María Jesús Montero, adiantou onte que o imposto extraordinario ás empresas enerxéticas que anunciou o Goberno de Pedro Sánchez "axustarase á figura tributaria que se adopte finalmente na Unión Europea", isto é: en vez de gravar os ingresos, gravaranse os beneficios destas empresas. Como analiza hoxe o xornal que vostede está a ler, no primeiro semestre deste ano e en plena crise de combustíbeis, de enerxía, de alimentos, de inflación e de tantas e tantas cuestións máis, as grandes compañías eléctricas embolsaron 6.000 millóns e 10.000 millóns a banca, é dicir, en seis meses gañaron o triplo do que terían que pagar en dous anos co novo tributo anunciado. A crise dos prezos preocupa e os datos da inflación subxacente indican que a crise veu para ficar se non hai solucións valentes que muden radicalmente o sistema de privilexios do que goza a banca e o poder enerxético, os Xogos da Fame están ben mais só como filme de ficción, por favor.

Comentarios