Opinión

Ben sabía Feixoo

[Xoán Costa] 

Sabía ben o que facía o presidente Feixoo ao fixar a data das eleccións para o 12 de xullo. Era esa, dixo, a mellor de todas as datas posíbeis, atendendo, segundo nos explicou, os informes técnicos que prevían un agravamento da situación para a segunda quincena dese mes. 

Sabía ben o presidente que esa convocatoria tiña máis a ver co seu prestixio electoral do que coa saúde das galegas e dos galegos. Logo a realidade demostrou que os informes eran incompletos xa que antes das eleccións houbo que confinar A Mariña.

Estamos nunha situación difícil de xestionar e por iso xorde con máis forza a pregunta: se os informes prevían surtos importantes para despois das eleccións, por que non se traballou na procura de medidas destinadas a evitar contaxios en vez de anunciar como vangardistas outras que só regulan mellor o uso da máscara? Fume, señor presidente en funcións. E para fume abonda co dos incendios que sen tregua arrasan Galiza. Na loita contra a COVID dá a impresión que teremos que camiñar soas, sós.

Comentarios