Opinión

O balance: cero competencias

[María Obelleiro]

Os actos de conmemoración do 40 aniversario do Estatuto de Autonomía devolveron á actualidade o marco competencial e a transferencia de materias contempladas no documento aprobado en 1981. Con independencia dos cruces dialécticos entre as forzas políticas, hai unha evidencia irrefutábel: desde que Feixoo goberna, a Galiza non recibiu ningunha nova transferencia. É, en definitiva, o presidente das cero transferencias, e isto malia que o anterior Goberno, o bipartito, deixara o camiño preparado.

O PP culpa o PSOE e o PSOE culpa o PP, mais Galiza segue a ollar como o lehendakari e o presidente español veñen de asinar un acordo para que o 10 de maio Euskadi obteña o traspaso de Prisións, Transportes por Estrada, Asignación do ISSN e a xestión do edificio do distrito marítimo de Ondarroa. Aquí seguimos coa AP-9 sen transferir, ao igual que o salvamento e a seguridade marítima e a policía. Iso si, Feixoo seguirá a pedir apoio ás forzas de seguridade do Estado para controlar o cumprimento das medidas de restrición. Cousas veredes!

Comentarios