Opinión

Avanzarmos

[María Obelleiro]

A  propia celebración do Día da Patria Galega evidencia a capacidade do nacionalismo para condicionar a historia da Galiza. Foron en 1920 as Irmandades da Fala as primeiras en institucionalizar o 25 de xullo como Día da Galiza. Unha xornada que foi prohibida após o golpe de Estado e que o nacionalismo recuperou en 1968. O 25 de xullo foi estabelecido como Día Nacional da Galiza en 1979, dous anos antes de se aprobar un Estatuto que a día de hoxe fica caduco, pois amósase insuficiente e non responde ás necesidades do país.

Precisamente, Ana Pontón referíase onte na súa intervención perante os milleiros de persoas que se congregaron na praza que estamos ante o nacemento "dun novo mundo", multipolar, o das nacións e dos pobos "que queren controlar o seu destino e avanzar sen submisións". Mentres, desde Rianxo, Valentín Formoso reivindicaba a renovación dun Estatuto ao entender que "Galiza precisa máis ferramentas". Rueda nada dixo ao respecto. Limitouse a facer alusión ao "Camiño", nunha alocución ateigada de tópicos. Nada de calado malia ser o seu primeiro 25 de xullo como xefe do Executivo. Os tres, como representantes das forzas políticas presentes no arco parlamentario, deberían abrir un debate para superar un xustillo do século pasado que aperta demasiado e ficou pequeno.

Comentarios