Opinión

Ausencias

[María Obelleiro]

Máis de nove anos despois do sinistro que provocou 80 mortes e 144 persoas feridas, comezou o xuízo polo caso Alvia e sentan no banco de investigados o maquinista que conducía o tren, Francisco Garzón, e o daquela xefe de seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte. Non o farán nin José Blanco, ex ministro socialista de Fomento en cuxo mandato se deseñou e inaugurou a alta velocidade, nin Ana Pastor, ministra de Fomento do PP no momento da posta en servizo do tren e que autorizou a desconexión do sistema de seguridade ERTMS -segundo informes de persoas expertas, tería evitado o sinistro de estar conectado-.

Coñecemos hai escasos días a carta enviada por Pastor á daquela comisaria europea de Transportes, Violeta Bulc, na que pedía que non se publicase o informe de Bruxelas que invalidaba a investigación española por considerar que era de parte e non independente. Un informe, o da UE, que sentou as bases para que o maquinista non fose o único investigado e tivese que sentar no banco de acusados o representante do Adif.
Os familiares das vítimas e as propias vítimas téñeno claro: haberá sentenza, mais non se fará xustiza. Elas e eles tampouco entenden que non se fixese nada para evitar o accidente malia as advertencias previas sobre o perigo da curva de Angrois, que un ano antes do sinistro se desconectase o ERTMS porque as súas eivas provocaban atrasos nos trens e que nin Blanco nin Pastor fosen investigados.

Comentarios