Opinión

Un atentado racista contra a saúde

Unha lexislación abertamente racista rexe no Estado español desde o infausto día en que o Congreso dos Deputados, con maioría absoluta do PP, aprobou o Real Decreto Lei 16/2012 de 20 de abril. A partir dese momento, a sanidade perdeu o seu carácter universal no Estado e fíxoo ao deixar fóra do sistema as persoas máis vulnerábeis, aqueles inmigrantes que se achan en situación de irregularidade administrativa, a inmensa maioría delas á beira da exclusión social.

Nesta materia, como noutras, a dereita aproveitou a coartada da crise para despregar o seu proxecto anti-social, segregacionista e excluínte. Tanto no Estado español como na UE, o substrato de fondo da ideoloxía conservadora é que a persoa inmigrante é, pola súa propia condición, culpábel e, portanto, ten que pagar as consecuencias. Xa sabemos que no capitalismo globalizado existe liberdade de movimentos para o capital, mais non para as persoas. Aos inmigrantes en situación irregular colócaselles o adxectivo de ilegais, como se unha persoa, polo simples feito de non ter sido regularizada por un ente burocrático, puidese estar fóra da lei, isto é, puidese ser criminalizada.

Na Galiza, e por responsabilidade directa da Xunta, nen sequer se está a garantir o acceso á sanidade daquelas persoas inmigrantes que o decreto lei excepciona

Na reportaxe que publicamos neste Sermos218, damos conta de como na Galiza, e por responsabilidade directa da Xunta, nen sequer se está a garantir o acceso á sanidade daquelas persoas inmigrantes que o decreto lei excepciona, tais como mulleres grávidas, menores de 18 anos ou doentes de enfermidades infecto-contaxiosas. Atrancos burocráticos fan que nen sequer neses casos estea plenamente asegurada a atención sanitaria. Mesmo hai casos extremamente lacerantes, como o dunha bebé de orixe romanesa á que lle foi impedido o acceso á sanidade durante os primeiros catro meses de vida.

Sabemos que os recortes matan e esta frase non é unha metáfora cando do que se trata é da saúde das persoas. Urxe que a sociedade tome conciencia da gravidade deste problema e que as forzas políticas da oposición na Galiza fiscalicen duramente unha administración que está a conculcar un dereito humano fundamental, o dereito á saúde.

Comentarios