Opinión

Para que? E até cando?

[Xesús M. Piñeiro]

A Audiencia Nacional (AN) é un dos elos da cadea que liga o denominado ‘Réxime do 78’ co réxime que había antes do 78: naceu do franquista Tribunal del Orden Público (TOP)  e como el, foi un tribunal de excepción.

Algo, por certo, que naquela altura non só denunciaron as forzas políticas e sociais que  apostaban na ‘quebra democrática’ senón tamén desde a propia doutrina: Lorca Navarrete dixo que a AN foi "creada ao abeiro dunha normativa de dubidosa lexitimidade democrática” e o profesor Andrés da Oliva afirmou taxativamente que "é antidemocrática de nacemento" . Até un dos  ‘pais da constitución’, Peces-Barba, escribiu: "A Audiencia Nacional: atentado a un dereito fundamental".

A Fiscalía da AN abre dilixencias contra representantes políticos da Galiza, Catalunya e Andalucía por supostas inxurias á coroa española e faino agora, cando até os máis acérrimos ‘juancarlistas’ arroiban ante a realidade da monarquía. Unha decisión, a da Fiscalía, de máis que dubidosa comprensión, como tantas outras ao longo destas 4 décadas e que tamén afectaron e afectan a galegos e galegas.

Por iso, á pregunta que moitas se facían nos 70 a respecto da AN (“Para que?”) engádese agora outra: “Até cando?”.

Comentarios