Opinión

Até agora, todo vai ben

[Xesús M. Piñeiro]

Non é doado atopar tal combinación de desleixo, despropósito e falla de competencia coma o que está a protagonizar a Xunta da Galiza co protocolo da Covid para o inicio do curso escolar. Un protocolo elaborado á marxe da comunidade escolar e ao que o propio presidente galego, Núñez Feixoo, anuncia auto emendas segundo a desfeita vai facéndose evidente.

O Plan B da Xunta pasa por un clásico: abxurar das competencias propias, neste caso en Educación, para pedir a Madrid que resolva o ‘problema’ e poder así, ademais, botarlle as culpas se a cousa non sae ben. Feixoo renuncia ao autogoberno ao afirmar que “non pode haber 17 protocolos”, cun discurso que de paso lle fai o caldo á recentralización.

E o Plan A? Pois o Goberno de Feixoo decide rendfer homenaxe a La Haine agora que o filme de Mathieu Kassovitz fai 25 anos.  A actuación do Executivo acae á perfección a aquela mítica frase inicial da película: “É a historia dun home que cae dun piso 50. O ‘jicho’ segundo vai caendo vai repetíndose: até agora, todo vai ben. Até agora, todo vai ben…” Mais o importante non é a caída. É a aterraxe”.

Comentarios