Opinión

Así, non

[Xesús M. Piñeiro]

Máis de 130 colectivos, plataformas e entidades galegas de todo tipo (ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais, políticas...) apoian a mobilización deste sábado en Compostela, convocada baixo o lema ‘Eólicos así non’.

Unha mobilización que vai decorrer en 5 de xuño, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. Demandan a paralización urxente das ducias de proxectos eólicos que se están tramitando por Xunta e Estado e que, denuncian, “pretenden asentarse dun xeito caótico e irracional no noso territorio”. 

O actual modelo de desenvolvemento eólico de Galiza é “desfasado, colonial, inxusto e insostíbel”, acreditan. O seu impacto ambiental, social, económico “favorece o negocio do oligopolio enerxético por riba do ben común, dos dereitos das persoas, do futuro do rural”.

A manifestación demanda tamén “un cambio de modelo de desenvolvemento eólico” cara a un sistema descentralizado, baseado na soberanía enerxética, no fomento do aforro, da eficiencia enerxética e do autoconsumo e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega. Un modelo ao que dicir “Eólicos así si”.

Comentarios