Opinión

Após o 26X

Na Galiza os resultados das eleccións xerais debuxan un panorama marcado pola fortaleza do PP, a debilidade da oposición de esquerdas e as enormes dificuldades que ten o nacionalismo para abrir un espazo político, propio, de país, cando se trata de eleccións de ámbito estatal, fortemente marcadas pola españolización mediática.

O PP obtén un triunfo rotundo cunha percentaxe insólita neste momento -41,49%- para unha forza de goberno en calquera país da Europa occidental. O respaldo dun sector moi importante da nosa sociedade ao actual statu quo do país e ás políticas neoliberais en curso está fóra de cuestión e obriga as forzas da oposición, e moi nomeadamente o nacionalismo, a abrir unha seria reflexión sobre as condicións políticas do país no que se move. Aliás, teñamos en conta que outra forza do centro-direita español, embora non ter desta volta representación, obtén un nada desprezábel 8,63%, o que a coloca con opcións reais a entrar no Pazo do Hórreo o próximo outono.

A mellor noticia para o nacionalismo é que aparentemente o voto perdido nestes comicios non migrou a ningunha outra forza: na súa maior parte ficou na casa

Na esquerda, o sorpasso produciuse, mais non o agardado. O PSdeG -con protagonismo para o recén eleito candidato Xoaquín Fernández Leiceaga- recuperou a segunda praza a custa dunha Marea que parece ter perdido o estado de graza co que apareceu nas municipais de 2015. Estamos ante un conglomerado con tantas contradicións internas que só poderían ser atenuadas por un forte liderado do que a estas alturas carece -a finais do mes de xuño, e coas eleccións que poderían ser até en setembro, nen sequer ten cabeza de lista para a Xunta.

Canto ao BNG, é evidente que estas non eran as súas eleccións, dado que o foco se puxo exclusivamente en quen ía ser o inquilino da Moncloa. A mellor noticia para o nacionalismo é que aparentemente o voto perdido nestes comicios non migrou a ningunha outra forza: na súa maior parte ficou na casa. É tarefa da nova equipa de dirección e da candidata Ana Pontón reconquistar eses apoios e sumar outros novos para ter un resultado eleitoral digno nas eleccións galegas e garantir así o futuro do soberanismo no noso país.

Comentarios