Opinión

A AP-9 ten que ser nosa

A autoestrada galega AP-9 só ten de galega que está fisicamente na Galiza. A titularidade é estatal e os beneficios reverten na conta de resultados dun fondo de investimentos norteamericano. Difícil achar un outro asunto que serva de mellor metáfora sobre como os efeitos da globalización distan de ser positivos para o noso país. A autoestrada galega é un grande negocio, si, mais en forma de espolio ás galegas e aos galegos. O negocio está na expatriación dos nosos recursos e non falamos de pouco diñeiro: estamos perante unha infraestrutura que xera, en peaxes, por volta de 130 millóns de euros. Unha vía que xa está máis que amortizada, tendo en conta que a concesión non rematará até 2048 e que, cando finalice, os ingresos terán cuadruplicado o custo da construción da infraestrutura.

A unanimidade na Galiza é unha boa noticia, mais non é unha condición suficiente para a iniciativa prosperar no Parlamento español. PP e PSOE acostuman votar unha cousa aquí e outra en Madrid

A este asunto dedicamos o Tema de Primeira do Sermos189. É un tema de grande envergadura política, algo que felizmente non lle ten pasado desapercibido ás distintas forzas con representación no Parlamento da Galiza. É máis: e grazas a unha iniciativa do BNG, o Parlamento ten aprobado unha proposición non de lei de transferencia da autoestrada a Galiza que será defendida por unha delegación galega no Congreso dos Deputados.

A unanimidade na Galiza é unha boa noticia, mais non é unha condición suficiente para a iniciativa prosperar no Parlamento español. PP e PSOE acostuman votar unha cousa aquí e outra en Madrid. Se volta a acontecer con este asunto, as organizacións galegas deses partidos poñerán de relevo a súa condición de franquicias, a súa dramática dependencia a respeito das súas direccións estatais. Non hai argumentos de peso para se opor á titularidade galega da autoestrada, agás o de defender os intereses da concesionaria. Un dado é moi revelador ao respeito: desde que estourou a crise en 2008, os prezos das peaxes non só non se contiveron, senón que se incrementaron nun 25%. De ser Galiza a responsábel última da infraestrutura é evidente que o Goberno galego tería algo que dicer face a política tarifaria da empresa privada -hexemonizada por capital norte-americano- que explota a vía.

Comentarios