Opinión

Ao tren!

[María Obelleiro]

Euskadi, Catalunya... Tamén Valencia, Estremadura, Madrid... pero nin chío da Galiza, ausente no discurso do presidente do Estado español, Pedro Sánchez, no debate sobre política xeral, o primeiro desde que é xefe do Executivo. Unha intervención na que se anunciaron medidas valentes, como o imposto á banca, e outras, como a da bonificación dos abonos do tren, que evidencian que, máis unha vez, Galiza fica discriminada, pois non sei vai beneficiar á altura do que o farán outros territorios.

Seguimos carecendo de rede de proximidade e contamos cuns servizos máis propios do século pasado que deste. E se as persoas que viven e traballan na parte do eixo atlántico que une Vigo con A Coruña non dispoñen de “cercanías” nas súas respectivas áreas metropolitanas, imaxinen aquelas que viven en puntos onde os camiños de ferro ou non existen ou non se optimizan. Alarmante é o caso de Lugo, onde a viaxe até á Coruña en ferrocarril dura practicamente o mesmo que o traxecto entre Madrid e Ourense. A viaxe de Lugo á capital da Galiza é dunhas cinco horas, algo inasumíbel. Tamén resulta vergoñento o que acontece con Ferrol, con escasas frecuencias á Coruña, debido á súa duración, de 1 hora e 15 minutos. Para subir ao tren, primeiro hai que dispor del.

Comentarios