Opinión

Angrois

Sete anos despois do sinistro no que morreron 81 persoas  e resultaron feridas 144, vítimas e familiares continúan a reclamar xustiza. Una demanda que se concreta na petición dunha investigación técnica independente sobre o accidente, tal e como se insta desde Europa. 

"Aquí hai algo, estamos seguros, isto foi unha neglixencia  gravísima e pedimos que se investigue porque, se non, vai volver a ocorrer", afirman desde a plataforma de vítimas, incidindo en que o que demandan é "o normal".

Ao longo destes anos reuníronse cos catro ministros de Fomento e cun amplo abano de responsábeis institucionais mais as súas demandas continúan en punto morto.

Hoxe volven mobilizarse en Compostela para reclamar “xustiza” e sinalar esa “indeferencia” que atopan nas administracións 2.500 días despois do sinistro terrestre máis grave da historia da Galiza nestas décadas.

“Queremos saber a verdade, só pedimos iso”, remarcan as vítimas ano tras ano, con tesón. O silencio dos responsábeis políticos ante esa demanda, sinxela e concreta, torna en insulto.

Comentarios