Opinión

#EditorialSermos356: Amosar o orgullo galego

Este Día da Patria Galega de 2019 coincide coa segunda votación para a elección do presidente do Goberno central. Unha investidura en cuxas negociacións Galiza estivo ausente. E é que as deputadas e deputados galegos de PSOE, de PP, de Unidas Podemos e de Ciudadanos optaron por excluír Galiza da axenda estatal e por non condicionar o sentido do seu voto a lograr compromisos firmes coa Galiza, que non pode ficar reducida a unha simple enumeración de demandas nun discurso en chave estatal.

Nesta conxuntura a sociedade galega precisa empoderarse máis que nunca, mais non só o 25 de Xullo ou cando as citas electorais enchen o calendario, senón todos os días do ano. Faise imprescindíbel amosar o orgullo galego e expresar as propostas concretas, programáticas e de articulación social e institucional.

Este Día da Patria Galega, a nación amósase tal como é: con forzas que reivindican o empoderamento e optan por obedecer os intereses galegos e outras que se inhiben. Galiza só contará cando se faga valer politicamente. O éxito radica en lograr que todas elas demanden máis poderes para o país. Só así resolveremos os nosos problemas, superaremos as deficiencias que padecemos e seremos un pobo que fixe novas metas para medrar.

Comentarios