Opinión

Amnistía e memoria

[María Obelleiro]

Benvidas sexan todas as medidas que conduzan á reparación das vítimas da represión na Galiza e, entre elas, a nova lei que impulsa o Goberno español. Chama a atención que se poña o foco no Val dos Caídos ou na ilegalización da Fundación Franco e nada se diga da Lei 46/77 de Amnistía. Por que non a derrogan? Cómpre deixala sen efecto para que se poidan investigar as atrocidades cometidas após o golpe de Estado e para acabar coa impunidade daqueles que foron branqueados por unha transición que, lonxe de ser modélica, supuxo o fío de unión coa ditadura.
Non se entende, de non ser por taparse uns os outros, que non se teña derrogado unha lei incompatíbel co Dereito internacional.

Lembremos que aínda hoxe impide xulgar os delitos contra a humanidade cometidos durante a represión e a ditadura. As vítimas e os seus devanceiros merecen verdade, xustiza e reparación e coa Lei de Amnistía vixente non é posíbel por moita norma de memoria democrática que se vaia aprobar. A evidencia xa a tivemos coa Lei 52/2007 de Memoria Histórica. Hai que derrogala, caia quen caia.

Comentarios