Opinión

As alfombras de Meirás

[Xoán Costa]

Un xulgado da Coruña sentenza que todo o que hai en Meirás forma parte do pazo e que os Franco nada poden levar pois o inmoble é na súa totalidade propiedade do Estado. Ollo, non poden levar nada ... salvo as alfombras dos corredores, que –di o xulgado- teñen finalidade puramente funcional e non forman parte estrutural do pazo.

No do propósito funcional ten razón o señor xuíz. Estamos perante alfombras cuxa funcionalidade, metaforicamente falando, foi agochar todos os escombros do franquismo, todos os segredos que nunca saberemos, todas as pegadas das sandalias episcopais que acompañaban o ditador baixo palio, e toda a covardía dos asasinos de Alexandre Bóveda ou de Juana Capdevielle.

E si, señor xuíz, ten razón, as alfombras non forman parte estrutural do pazo, mais si da armazón do franquismo. E cando os Franco as retiren de Meirás, se as retiran, non esquezamos ollar debaixo. Ali estará a face do réxime e de quen o sustentou. Porque é moi difícil limpar debaixo das alfombras. E hai moitas por retirar.

Comentarios