Opinión

Alfombra vermella ás enerxéticas

[Alberte Mera]

Facer leis, normas e decretos para logo obrar de forma contraria. Esta incongruencia queda patente da maneira en que onte obrou o Consello da Xunta e que hoxe analiza o xornal que vostede está a ler. Os proxectos eólicos da empresa Enel (antiga Endesa) que o Goberno galego aprobou onte tramitar pola vía de excepcionalidade -e que deben ser aprobados polo Estado- Caaveiro, Tesouro, Barqueiro, Badulaque, Santuario e Moeche, non só foron rexeitados por concellos afectados ao situárense fóra das áreas de desenvolvemento eólico, senón que o propio Executivo tamén informara desfavorabelmente sobre os mesmos. Mesmo o grupo popular en varios destes concellos votaron en contra duns proxectos que agora a Xunta ve urxentes para a Galiza -oito parques en total desta volta-.

Non fica aquí o conto. Onte o PP autoemendou a súa propia lei de acompañamento dos orzamentos, a debate proximamente na Cámara, para que poidan ser declarados como iniciativas empresariais prioritarias aqueles proxectos eólicos que repercutan 2,5% dos beneficios nos concellos, e non 2,5% da facturación como figuraba. É dicir, que por cada 100 euros ingresados repercutirían 5 no concello afectado, mais agora, terán que descontar aos 100 os seus gastos, e de aí calcular o 5%. Migallas para o público. Alfombra vermella para eléctricas.

Comentarios