Opinión

Alfombra vermella aos neonazis

[María Obelleiro]

O mesmo Zelenski que era aplaudido pola inmensa maioría das deputadas e deputados do Congreso español recibía apupos no Parlamento grego tan só dous días despois. Se para apelar á épica citou nos EUA Pearl Harbor, o muro de Berlín en Alemaña, o Holocausto en Israel e Gernika no Estado español, en Grecia cedeu a palabra a un soldado neonazi do Batallón Azov, un xesto que provocou a indignación do arco parlamentario, que optou por non fechar os ollos diante do fascismo auspiciado polo Goberno ucraíno. Zelenski debe rachar con claridade co nazismo, apartar do seu Goberno a extrema dereita e devolver os dereitos políticos aos partidos ilegalizados para acabar coas dúbidas que pairan sobre o carácter democrático do seu Goberno. 

O grupo paramilitar, hoxe integrado na Garda Nacional, presume da súa ideoloxía neonazi, xenófoba e homófoba e co seu sangue escribíronse episodios escuros da historia máis recente de Ucraína como o masacre do 2 de maio de 2014 no asalto á casa dos sindicatos de Odesa e a queima de persoas vivas, incluído un home ao que lle prenderon lume unha vez crucificado. En vídeos difundidos a través de redes sociais, alardean das torturas filmadas e amosan o armamento procedente de Estados integrantes da OTAN, entre eles, do español. A invasión rusa non pode alimentarse botando máis gasolina. Uns e outros deben fialo todo á diplomacia. De seguir apostando polas armas e non pola negociación, seguirá agravándose o sufrimento dun pobo e, impotentes, seguiremos vendo morrer inocentes.

Comentarios