Opinión

Alcoa

[X.M. Piñeiro]

A multinacional estadounidense Alcoa comprou á Sociedade estatal de participacións industriais (Sepi) en 1998 varias plantas, entre elas as 2 galegas, pagando menos de 400 millóns de euros. Pasaron 22 anos. Desde 1998 a 2011 a compañía gañou 1.500 millóns de euros. Beneficios que tamén reixstrou nos últimos exercicios (200 millóns de euros na de San Cibrao en 2018). Nunha década recibiu máis de 1.000 millóns de euros en axudas.

Agora Alcoa decide fechar a planta de aluminio e despedir 534 traballadores. Unha decisión cun grave impacto para Galiza, que continúa o seu camiño cara ao ermo industrial ante a indiferenza de Xunta e Goberno español, e moi especialmente para A Mariña, comarca onde o seu principal temor acaba de se converter en realidade. O persoal das plantas levaba anos demandando ás administracións compromisos para evitar que se chegase a este punto. En balde: non houbo nin tarifa eléctrica galega nin sequera estatuto electrointensivo. E unha factoría anuncia que vai fechar polo alto custo da electricidade nun país que é excedentario en produción de enerxía. A quen pasamos a factura?

Comentarios