Opinión

Alcoa só vale un chío

[María Obelleiro]

A s 800 persoas que van ficar sen emprego na Mariña, debido ao feche de Alcoa, mereceron por parte da Xunta tan só un chío. Así despachou Feixoo o asunto. Máis unha vez, o mesmo guión: toda a culpa é do Goberno. Así, a secas, porque para Feixoo, o Goberno é sempre o estatal, non o galego, como se o que encabeza el fose de segunda. De feito, compórtase como se fose de segunda, ou de terceira. Non por acaso temos unha Consellaría de Economía, Emprego e Industria completamente desaparecida. Alén de non reclamar unha tarifa eléctrica diferenciada para a Galiza, a Xunta non aplica as competencias das que dispón en materia de industria. Nada sabemos de políticas públicas que dinamicen o crecemento industrial e que leve a economía, tan dependente do sector servizos, a unha estrutura produtiva con maiores taxas de crecemento. A industria, pola súa capacidade de crear riqueza e emprego de calidade, debería ser peza fundamental na axenda dos Gobernos. Mais aquí camiñamos cara a un ermo industrial e, mentres se destrúen empregos, Feixoo e Sánchez lánzanse a pelota.

Comentarios