Opinión

Alcoa, este domingo

Xove este domingo volverá ser o epicentro desa Mariña que máis unha vez vai saír á rúa na defensa dos postos de traballo e un futuro para a comarca. Unha mobilización que se convoca cando se fai un ano do anuncio por parte da multinacional dun ERE que supoñía o despedimento de máis de 500 operarios na factoría de San Cibrao.

Un ano despois a loita continúa. Após derrotar nos xulgados o expediente de regulación, após ducias de concentracións e mobilizacións, de xuntanzas e reunións; hai esperanza dun futuro para a planta de San Cibrao. Algo polo que poucos, en Administracións e multinacional, apostaban.

“Hai un ano presentábannos un ERE que significaba o final da nosa vida laboral. Un ano despois, seguimos traballando, sendo competitivos e máis unidos que nunca”, manifestaban esta semana desde o comité de empresa. Hai 6 empresas interesadas que o Ministerio lle pasou a Alcoa para coñecer que planes industriais e enerxéticos hai para saber que viabilidade teñen. 

O cadro de persoal chama a veciñanza a participar masivamente na mobilización en Xove. “Unidade”, volve ser a palabra de orde, un ano despois.

Comentarios