Opinión

Accidentes na estrada

[Xoán Costa]

En 2022 as mortes por accidente de tránsito aumentaron na Galiza. Os informes céntranse en responsabilizar dese incremento a quen conduce, sexa por usar o móbil, por non levar o cinto, por superar os límites de alcol, por tomar drogas ou por todas esas razóns xuntas. Tamén nos indican que Galiza, cunha taxa de 6,4 mortos por cada 100.000 habitantes está á cabeza do Estado, cunha media de 4,2. Quere iso dicer que nós usamos máis o móbil ou tomamos máis alcol? Non o sei. Mais parece evidente que hai outros factores que, combinados cos anteriores, dan ese resultado. Un deles é o estado das estradas, especialmente das secundarias, mal conservadas, con pésima sinalización horizontal, en moitos casos apenas unhas esvaídas manchas de pintura branca.

Outro, ten a ver coas dificultades para se desprazar en transporte público desde os lugares de traballo á casa. A responsabilidade individual pode corrixirse con educación; outros factores dependen do investimento en conservación. E aí as diferentes Administracións derrapan cada día.

Comentarios