Opinión

Acabouse "facer o agosto"

[María Obelleiro]

Apesar de que o verán é un dos períodos do ano nos que máis adoita descender o desemprego, debido ás contratacións vinculadas ao sector servizos, a tendencia está a mudar e apunta un futuro pouco esperanzador. Os datos dados a coñecer onte evidencian un incremento do paro en toda a Galiza que atinxe a todos os sectores, idades e sexos, sendo as mulleres, máis unha vez, as principais prexudicadas, pois representan máis do 75% do total de novas persoas no desemprego. Ademais de advertir da suba do paro a respecto do mes anterior, as cifras poñen de manifesto o aumento en relación á media estatal, tendencia que indica que a crise afecta máis na Galiza -á cabeza na alza da inflación- que no conxunto do Estado. Mais se algo preocupa destes datos é o que apuntan de cara ao futuro: sectores que durante o período estival non adoitaban verse afectados, como a industria e a construción -alén da hostalaría-, tamén están prexudicados, un adianto do agravamento da crise nos próximos meses.

Á vez que se publican estas cifras, coñecemos outra das realidades das grandes compañías eléctricas. A marxe de beneficio que posúen nos parques eólicos é aínda máis elevada co encarecemento do prezo da electricidade. As enerxéticas aumentan os seus beneficios, reducindo o tempo de recuperación do investido nestes proxectos, á vez que o conxunto da cidadanía se empobrece máis.

Comentarios